Lee el manifiesto en ESP | POR | CAT | EUS
As persoas que formamos a Asociación de Salesianos Cooperadores na Rexión Ibérica facémonos eco do clamor de centos de miles de persoas que cada día vénse na necesidade vital de abandonar os seus fogares, as terras onde habitan e ás súas xentes fuxindo da guerra, da persecución, da miseria ou dos efectos climáticos. En especial alzamos a voz a prol de todos os nenos, adolescentes e mozos que están a perder a súa infancia e a súa mocidade atrapados nun abismo, entre a inxustiza dun mundo que os bota e os muros doutro que non os acolle para non renunciar ao seu benestar.
Manifestamos que todas as persoas teñen a mesma dignidade con independencia da súa orixe, da cor da súa pel, da súa cultura ou das súas crenzas.
Denunciamos os graves desequilibrios entre os pobos do mundo que algunhas estruturas e mecanismos orixinan polo interese económico duns poucos.
Cremos que migrar é un dereito humano, pero non ter que migrar tamén o é. A persoa migrante ten que ser tratada con xustiza e fraternidade. Iso esixe o recoñecemento dos seus dereitos humanos, civís e económicos, así como as súas diferenzas culturais, do mesmo xeito que se lles esixe a súa adaptación, o respecto polo lugar que os acolle e a súa achega construtiva á sociedade.
Vemos que, con frecuencia, a precaria situación de moitas persoas migrantes, lonxe de espertar a nosa solidariedade, causa temor e receos provocando situacións de intolerancia, xenofobia e racismo.
Ningún cristián pode consentir, e aínda menos alimentar, manifestacións de racismo, xenofobia, discriminación e opresión de ningunha persoa, especialmente dos máis pobres e vulnerables, porque todos estamos chamados a formar a familia de Cristo. Para os cristiáns, nin peregrinos, nin forasteiros, nin desterrados; ninguén é estranxeiro.
Como salesianos cooperadores, cristiáns atentos en especial ao desenvolvemento persoal de nenos, adolescentes e mozos, non podemos permanecer como espectadores deste inxusto escenario: nenos e nenas que se desprazan de xeito inhumano por terra ou mar, adolescentes que non coñecen outra vida máis aló do amontoamento en campos de refuxiados desde que naceron, mozos migrantes abocados á supervivencia sen ilusión por vivir, sen ver un indicio de futuro nas nosas cidades. Cantos deles están sós, abandonados polos acontecementos, orfos de familia e de humanidade! Ninguén quere abandonar o seu fogar e eles menos que ninguén. Todos queremos ser felices e estar alegres e eles máis que ninguén.
Desde aquí alzamos a voz rexa e forte para denunciar a súa inxusta realidade.
Esiximos aos gobernos coherencia entre os valores que promulgan as constitucións dos nosos países e as actuacións de carácter internacional e local, comerciais e económicas en relación cos dereitos humanos dos migrantes que chegan á nosa sociedade.
Pedimos a cada cidadán que sexa quen de saír da súa zona de confort, por xustiza e humanidade, mellorando así a acollida, a comprensión e a hospitalidade cara as persoas inmigrantes e de xeito especial cara aos nenos, adolescentes e mozos, algúns sen familia e extremadamente vulnerables.
Non queremos rematar este manifesto sen poñer en valor o esforzo de particulares, entidades e Administracións que traballan de xeito incansable na acollida, asistencia, inserción e promoción das persoas migrantes e refuxiadas. Todos eles, ademais de ser un estímulo, contribúen á construción dun mundo máis xusto. Como descendentes dun pobo que peregrinou polo deserto pedimos ao Señor, que camiña connosco, que protexa a todos estes irmáns e nos abra os corazóns para acollelos.
DESCARGAS
[wpfilebase tag=list id=17 pagenav=1 tpl=mitabla/]