Ante unha agresión sexual non a xustifiques

Lee el manifiesto en ESP | POR | CAT | EUS

As persoas que formamos parte da Asociación de Salesianos Cooperadores MANIFESTAMOS O NOSO REXEITAMENTO E ABSOLUTA CONDENA CARA CALQUERA TIPO DE VIOLENCIA, incluídos o acoso e a agresión sexual, e trasladamos o apoio incondicional ás vítimas.

A violencia contra as mulleres é una das máis flagrantes violacións contra os dereitos humanos, que ocorre en todos os países, culturas e clases sociais, e que nace da desigualdade entre homes e mulleres.

A nosa vocación lévanos ao traballo en primeira liña coa mocidade e as persoas máis vulnerables. Non podemos permanecer de xeito pasivo ante a situación que están vivindo mulleres que sofren todo tipo de violencia, entendendo “violencia” nun sentido amplo: violencia física, violencia sexual, violencia psicolóxica e violencia estrutural. Tamén entre a mocidade están latentes estas situacións, ás veces dunha forma aberrante, outras disfrazada de normalidade e de “amor romántico” polo que, en ocasións, pasan desapercibidas. Unha violencia que afecta á mocidade provocando que medre lonxe da dignidade que Deus lle confire.

Como Salesianos e Salesianas, somos responsables de levar ás vidas dos mozos e mozas o “non con golpes” do que somos herdeiros e portadores e, gabándonos do noso Sistema Preventivo, detectar e actuar ante calquera tipo de violencia.

Por iso comprometémonos a seguir traballando activamente na educación dos máis novos, poboación na que segue sendo alarmante a clara tendencia que existe cara á violencia, concienciando á mocidade e á infancia sobre a súa valía persoal e transmitindo os valores do respecto ás persoas. Así mesmo queremos facer un chamamento ás persoas adultas, facendo visible calquera tipo de discriminación ou violencia, para que podamos construír modelos alternativos de convivencia, baseados no respecto e a igualdade en dereitos e oportunidades.

Mantemos o noso deber de seguir formándonos para poder traballar mellor pola mocidade e a escoitar ás mozas para que, como dicía Don Bosco, “non soamente sexan amadas, senón que se dean conta que se lles ama”.

Somos conscientes de que alcanzar unha igualdade é un proceso longo e complexo, pero como cristiáns e cristiás estamos chamados a construír o Reino de Deus, erradicar unha violencia que non cabe na nosa sociedade, e comprometernos pola loita, á luz do Evanxeo, dun mundo cada vez máis xusto para todas as persoas.

Rogamos á nosa Nai Auxiliadora, muller do seu tempo, que nos acompañe e nos conduza pola senda da xustiza, para que o noso labor sexa beneficioso e podamos construír unha sociedade libre de violencia.

DESCARGAS

[wpfilebase tag=list id=14 pagenav=1 tpl=mitabla/]

Volver a Inicio